Thursday 19 de September de 2024

O concello e o GALP Costa da Morte promoven un novo proxecto dirixido a favorecer a sensibilización ambiental e potenciar o turismo en Caión


O orzamento ascende a 77.000 euros.

O Concello e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte, promoven un novo programa a realizar na vila de Caión e dirixido a favorecer o desenvolvemento local, potenciar o turismo e destacar o patrimonio medioambiental do litoral larachés.
O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro inclúe unha serie de actividades participativas, e tamén iniciativas para embelecer a paisaxe urbana da vila de Caión que se van levar a cabo durante os próximos meses. Preténdese que a poboación local e visitante reforcen o seu interese pola conservación do medio mariño e costeiro, xerando unha concienciación e un vínculo con este ecosistema que incremente a sensibilización social e favoreza a súa posta en valor.
As actividades medioambientais nas que se anima a participar a todos os públicos darán continuidade ás levadas a cabo en anos anteriores baixo a denominación A Laracha Activa e o mar de Caión. Como primeiras propostas, este venres (30 de agosto) ás 19:30 h inaugurarase no Centro Sociocomunitario de Caión a exposición Os morcegos de Galicia cunha visita guiada coa colaboración do CEIDA. A mostra sobre esta especie tan importante para os ecosistemas, pero moi descoñecida para o público en xeral, poderase visitar ata o día 18 de setembro co obxectivo de que a poboación coñeza con que especies comparte o territorio, como están vinculadas ao medio ambiente costeiro e os beneficios que reportan ao resto dos animais e tamén ao ser humano.
Como actividade complementaria, o sábado (31 de agosto) desde as 20:00 h realizarase a ruta nocturna Os Mor-Cegos, os invisibles tornan visibles. Consistirá nunha primeira parte na que se fará unha breve explicación teórica para identificar as especies, como viven e como detectalas para, a continuación, realizar un percorrido pola contorna de Caión. Os datos recollidos enviaranse á Asociación de Morcegos de Galicia co obxectivo de colaborar na recompilación de citas para o Atlas de Morcegos. Para esta ruta nocturna as prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa, que é gratuíta, acudindo á Oficina de Información Turística, chamando ao 981604328 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a turismo@alaracha.gal.
En setembro vanse realizar outras actividades nas que, do mesmo xeito, tamén se require inscrición previa, como o obradoiro de redeiras (venres 20 ás 17:00 h), a camiñada polo Sendeiro Azul O mar forma parte inseparable da vida e da historia de Caión (sábado 21 ás 11:00 h) e o taller para coñecer as especies costeiras A arribazón, os tesouros do Mar de Caión (sábado 21 ás 18:00 h).
A outra parte do proxecto O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro, centrada nas actuacións dirixidas a embelecer a paisaxe urbana, contempla a realización de catro murais en diferentes localizacións da vila e a creación dunha ruta selfie composta por estruturas que permitan tomar autorretratos e a instalación de letras corpóreas que visibilicen a identidade de Caión.
O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro presenta un orzamento total de 77.000 euros a financiar a través da liña de axudas da Consellería do Mar para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.